Wednesday 08 de May de 2024

Fene amplía horarios e servizos no cemiterio municipal con motivo de Santos e Defuntos


O consistorio recorda a obriga de seguir adoptando medidas preventivas contra a COVID-19 e, neste sentido, informa de que nesta ocasión tampouco se celebrarán misas na capela do camposanto

Co gallo do Día de Todos os Santos e o Día de Defuntos, o Concello de Fene informa da ampliación de horarios do cemiterio municipal, así como da posta en marcha dun servizo de transporte especial. Neste sentido, desde hoxe mesmo e até o 2 de novembro o camposanto permanecerá aberto ao público ao mediodia de maneira ininterrompida, mentres que nas datas centrais en que se prevé maior afluencia tamén haberá horarios ampliados: o 1 de novembro de 8:00 a 22:00 horas e o 2 de novembro, de 9:00 a 20:00 horas.

Por outra banda, desde o Concello tamén se informa de que se ofrecerán servizos de transporte de ida e volta ao cemiterio con saída e regreso na parada situada diante do cuartel da Garda Civil. Os horarios son os seguintes:

Domingo 31 de outubro (só de tarde): saída ás 16:00h e volta ás 18:00h
Luns 1 de novembro e martes 2 de novembro: pola mañá, saída ás 10:00h e volta ás 12:00h. Pola tarde o bus arrancará ás 16:00h e regresará ao mesmo punto ás 18:00h.

O Concello tamén recorda que, malia o alivio das restricións, seguen activas outras medidas de preventivas da COVID-19. Por iso non se pode acudir ás instalacións se se teñen síntomas ou se se tivo contacto con casos sospeitosos ou confirmados como positivos. Tamén se insiste na obriga de utilizar a máscara, gardar a separación interpersoal de 1,5 metros entre non conviventes e seguir aplicando a hixiene de mans.

Cómpre seguir, ademais, as indicacións do persoal municipal ao cargo do recinto. Por último, o Concello tamén apunta que nestas datas non se oficiarán actos relixiosos na capela do cemiterio.